Thursday 25 de April de 2024

Muller e literatura danse a man en San Sadurniño nas actividades para a rapazada co gallo das Letras Galegas


Segundo día de actividades con motivo das Letras Galegas en San Sadurniño. Hoxe tocoulle ao alumnado de Educación Primaria do CPI participar nunha proposta ben novidosa que xunta a un tempo a literatura galega e o coñecemento das mulleres que, dentro dela, tiveron un papel fundamental, quer como protagonistas das historias contadas, quer como escritoras. Concepción Arenal, Rosalía Castro, María Victoria Moreno, Isabel Zendal -parte da expedición Balmis que levou a vacina da varíola polo mundo a comezos do século XIX-, son só algúns dos nomes que se tocan en “Mulleres que contan”, un proxecto socioeducativo que combina o microteatro cun pequeno obradoiro de descubrimento guiado para a rapazada.

A actividade é moi sinxela. Aos nenos e nenas dánselles varias fichas para que traballen en grupo sobre a figura de varias mulleres destacadas da nosa historia -especialmente a literaria- e despois esas mulleres van saíndo a escena representando un pequeno anaco da súa vida. Non din o seu nome nin tampouco a que se dedican, senón que unicamente dán como pista aquilo do que falan ou, como moito, algún trazo característico -a roupa, un chapeu determinado, algún xesto delas, etc.- que axude a identificalas.

Chío Couto, Akira Valero e Tati García, de Anacos Proxectos Socioeducativos, son as encargadas de levar adiante esta iniciativa que, tal e como apunta Couto, pretende “visibilizar a historia de mulleres que non foron recoñecidas na súa época e poñelas en valor a través do xogo”.

Da xuntanza de teatro e xogo de aprendizaxe sae unha proposta que capta a atención dos nenos e nenas de principio a fin. No obradoiro “xogan a adiviñar quen cren que é cada muller” e, deste xeito, conséguese “que lles vaian quedando os seus nomes e os motivos polos que son importantes”.

Unha delas foi a protagonista das Letras Galegas deste ano, María Victoria Moreno Márquez, “a cuarta muller homenaxeada nun listado de cincuenta e pico homes”, comenta Couto.

Música este xoves e mailo sábado
A programación das Letras Galegas en San Sadurniño complétase co acto central previsto para este xoves ás 18.30h. na Casa da Cultura. No escenario actuará o alumnado do profesor de música Ilia Keilin, seguido dos gaiteiros da escola municipal, que botarán catro pezas. O acto rematará co pase do documental “María Victoria Moreno Márquez – Letras Galegas 2018”, producido pola Asociación Cultural Millo. Os directores do audiovisual asistirán ao evento e manterán un pequeno coloquio con quen queira saber máis sobre a escritora.

O sábado a partir das 18.00h. o local social de Naraío acollerá o II Encontro infantil de cantares tradicionais, coa participación como anfitrión do grupo local de pandeireta “Rapazada do Saíme”, na compaña dos nenos e nenas do Padroado da Cultura do Concello de Narón e da agrupación de Cerdido “Airiños dos Carrís”. Entrada libre.